Un equipo de alumnos e alumnas do IES Sanxenxo levamos todo este curso a traballar nun Taller de prensa. Aproveitamos este espazo para mostrarvos as nosas actividades.

sábado, 10 de mayo de 2008

Entrevista especial a unha avoa especial: Mª Amelia





É unha das blogueiras de máis idade do mundo e ven de conquerir o premio internacional BOB, á mellor bitácora en español.


Entrevistada por David Leiro (4ºB)

-Con 96 anos que ten, que tal se atopa ?
Regular de saúde, teño artrose pero ben, saio pasear co meu neto e distráiome.

-Estivo algunha vez en Sanxenxo ou Portonovo ? Que lle parece esta zona ?
Si, estiven moitas veces. Coñezo Portonovo, fun comer alí o outro día, hai moitos bares de tapas e restaurantes.
Sanxenxo tamén, o seu porto deportivo que é enorme con aqueles iates que valen moitos millóns. As praias son preciosas, é un lugar moi bonito.
Tamén coñezo Combarro, Cambados , A Toxa, O Grove.....

-Que opina da especulación inmobiliaria ? Tamén se ve na Costa da Morte ?
Creo que destrúen todo, a min non me gustan os edificios moi altos pegados ó mar. Coas construcións estropean todo, non respectan as casas de antes, as casas vellas, as típicas dos mariñeiros. Aquí nesta zona tamén.
Non hai lugar máis bonito en España que Galicia e as nosas praias. Eu estiven polo sur moitos anos e en Marbella e por esa zona as praias son de area escura e o mar parece de cor gris.

-Cambiou moito a Costa da Morte dende que vostede era nena ?
Por Deus, cambiou moitísimo. Unhas veces para mal e outras para ben.
Corcubión matárono todo,en Muxía respectaron moitas cousas, é preciosa, ten dous paseos moi bonitos, o paseo da Barca é moi bonito (...)
E na vosa zona tamén, Cambados, que conservaron tamén moi ben a zona vella.

-Miña avoa ten 80 anos e eu xa creo que é unha idade impoñente. Como se sente vostede con 96 ? Que lle diría á miña avoa para que chegue a eles ?
Envexo os 80 e ata os 86 !!! Con esa idade eu aínda era unha poliña (risos) como unha adolescente!.
Eu diríalle que colla un Internet e que desfrute, que isto é unha marabilla, vas de viaxe sen saír da casa. E tamén que estea sempre facendo algo e que non se aburra, que se sinta útil, porque a min fastiábame que non me deixaran facer as cousas e mentres poida , seguireinas facendo

-Como vivíu vostede os acontecementos importantes ó longo do S.XX ?
As guerras mal, as guerras non me gustan. A 1ª GM , ben, comezou no ano 14, pois eu tiña tres anos, era unha nena pero na casa notábase que algo pasaba. Daquela saían procesións para pedir pola fin da guerra.
Logo veu unha gripe terrible e na miña casa pasámola todos, eu a primeira.
Os meus irmáns estaban na cama a base de caldo limpo e té con limón, pero eu fun máis lista. Resulta que a miña nai gardaba as galletas nun chineiro da cociña e como eu tiña fame saín da cama para comelas.
Entón o meu pai viu que me curara comendo, así que lles deu ós demais bolos e galletas para que comeran. O que había era fame...!

-Como ve a Galicia hoxe ?
Moi cambiada, na miña época non había que comer, había moita miseria. Eu vivín moitos anos na Coruña.

-Na II República tiña vostede 19 anos. Chegou a votar nalgunhas eleccións da época ? Como era aquel ambiente ?
Si, pois claro. Eu era republicana e socialista, na vila había tres homes e mais eu que eramos socialistas.
Eu sempre votei polo PSOE durante a República. Quixéronme afiliar pero o meu pai nunca mo permitiu e ata mo fixo xurar pola vida que nunca o fixese.
Había revolucións dos obreiros, dos pobres mineiros en Asturias que eran explotados e estaban famentos.
Eu ía aos mítins e coñecía a moitos políticos da época. Comín moitas veces con Casares Quiroga que era moi amigo meu.
E tamén me relacionei con Valle Inclán que ía moito pola Pobra.

-Como levou vostede a Guerra Civil e a Ditadura franquista? Foi duro ?
Foi duro, o meu irmán perdeu unha perna cruzando o río Ebro.
Eu paseina ben, pero á miña familia castigárona moito, metéronlle moitas multas por pensar diferente. De 3000, de 5000 pesetas...
O mozo da miña irmá era falanxista, querían casar e el xa nos coñecía.
Houbo moitos fusilados en Muxía. Eu souben defenderme e grazas a que tiña amizades libreime de ser fusilada. Eu era unha muller relixiosa e os falanxistas querían que eu deixara de crer para ter unha razón para asasinarme. Eu era socialista, pero moi relixiosa.
Mirade a Pasionaria, tratárona de puta, falaron cousas que non eran verdade dela, tratárona como unha muller de mala vida. E todo porque de xoven o seu pai a mandou a estudar ao convento das pasionarias. Os franquistas interpretaron pasionaria no sentido de muller viciosa e sexual para atacala.
Podedes buscar en internet, como fago eu. (...)

-É duro ter 96 anos ? Como ve a vida ?
É duro si, pero mentres viva, aquí estou no internet cos meus "blogueiros" porque hai moita xente que quere falar comigo e que está soa.

-Pensa durar uns aniños máis, supoño...
Non sei canto máis durarei, iso depende ... o Altísimo que é quen manda. Hai que ver como vén o próximo outono e se me atopo ben, este que pasou leveino mal, pero non penso vivir moito máis. Deus dirá.

1 comentario:

PombalCity.com dijo...

Teño que agradecer esta entrevista a Mª Amelia e a súa colaboración.
Decir que foi feita por videochamada e que se me ocorreu entrevistala por casualidade cando entrei no seu blog que recomendo a todos.
GRAZIAS.